Ola! Somos Paula e Elvira

Compartimos o amor polos detalles, polos obxectos únicos que gardan maxia e memoria, polo ancestral e por todo aquilo que representa algo importante na vida.

Emociónanos crear beleza a partir daquilo que conta unha historia: unha fotografía antiga, unha flor atopada no camiño, un obxecto herdado, unha canción que nos emociona. Cremos que cada persoa, cada momento e cada xesto son valiosos e únicos, e encántanos darlle forma a todo iso para acompañar os intres máis importantes da vida.

Neste proxecto unimos o que máis nos inspira: a arte, a poesía, os obxectos con historia e, sobre todo, as persoas. Así nace Altar: como un espazo onde transformar sentimentos e emocións en formas visibles e ofrecer un servizo que marque a diferenza nos grandes momentos… e tamén nos pequenos que, a miúdo, son igual de especiais e importantes.

nosotras interior

As nosas vidas sempre estiveron ligadas á arte. No caso de Paula, a través da música, o teatro, a arte corporal e a poesía; sempre preto das persoas, con empatía e sensibilidade, buscando escoitar e comprender o que as fai únicas.

Pola súa banda, Elvira vive ese vínculo desde a escrita e a fotografía, o deseño de escenografías e o atrezo para vídeos musicais, eventos literarios, homenaxes e todo tipo de celebracións; sempre explorando novas formas de dar vida aos xestos e aos símbolos, sempre buscando obxectos únicos e diferentes.

Nós poñemos a creatividade, a escoita e a sensibilidade; vós poñedes o momento. Xuntas e xuntos dámoslle forma para que se converta en algo único e memorable.

Compartimos unha forma de estar no mundo: a observación e a atención ao que ás veces pasa desapercibido. Cremos nos pequenos xestos, en revalorizar o verdadeiramente importante e nos detalles que agochan a verdadeira maxia.

Con Altar queremos unir todo iso que nos inspira —a arte, a poesía, os obxectos con historia e as persoas— para darlle forma aos vosos momentos máis importantes e convertelos en recordos cheos de beleza e significado.

nosotras interior2

Queremos contar a túa historia